lunes, noviembre 06, 2006

Las siete ciudades gallegas celebran la Semana de la Literatura de Tradición Oral

A Consellería de Cultura organiza actividades en toda Galicia co gallo da Semana da Literatura de Tradición Oral. Celebraranse mesas redondas, actuacións musicais e contacontos; así como un certame recolla de tradición oral. As actividades terán lugar do 6 ao 12 de novembro nas sete cidades e nas vilas de Sarria, A Limia, Melide e Tomiño

Como parte da cultura galega, o pobo creou e gardou durante séculos un inmenso tesouro de contos, relatos, cantares, etc. que se foron transmitindo de forma oral. Para estudar esta tradición literaria e para promover a súa perservación a Consellaría de Cultura e Deporte organiza do 6 ao 12 de novembro a Semana da Literatura de Tradición Oral.
As actividades da Semana comezarán este luns día 6 ás 20 horas con mesas redondas nas sete cidades galegas nas que intervirán especialistas sobre a creación literaria oral galega. Por outra banda, a Consellaría presentará en Sarria (día 7), A Limia (día 10), Melide (día 11) e Goián (día 12) a revista Voz ao vento. Esta publicación busca difundir materiais da tradición oral galega e traballos de investigación para contribuír ao mantemento da literatura de tradición oral. As presentacións contarán con actuacións musicais ou de conta-contos.
Actuacións similares repetiranse na biblioteca pública Miguel González Garcés na Coruña e nas bibliotecas provinciais de Lugo e de Vigo, dependentes da Consellaría de Cultura. Os artistas participantes serán Antón Castro, Cándico Pazó, Ugía Pedreira, Tino Vaz, Loca Motora e Pavís Pavós.
CERTAME DE RECOLLA DE TRADICIÓN ORAL.- Por último, tamén se levará a cabo un obradoiro de regueifas así como un certame de recolla de tradición oral. Esta actividade permitirá que o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos de Galiza se acheguen a aquelas manifestacións culturais inmateriais que están no seu contorno máis inmediato. En total haberá 6.000 euros en premios para recoñecer aqueles traballos en vídeo e/ou audio que mellor contribúan a preservar e promover a literatura de tradición oral.
Os centros educativos interesados en participar deberán enviar a ficha de solicitude que se xunta ao correo electrónico pontenasondas@pontenasondas.org (entidade colaboradora coa Consellaría) antes do 22 de decembro de 2006. O prazo de presentación dos traballos remata o día 2 de maio de 2007.

No hay comentarios: